Tuesday 30 de April de 2024

O Concello convoca o concurso para o Calendario municipal 2021


O prazo de presentación das fotografías abrirase o 6 de outubro de 2020 e rematará o 5 de novembro de 2020. As persoas gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un acceso gratuíto aos museos municipais da Coruña para dúas persoas durante un ano

O Concello da Coruña abrirá mañá, 6 de outubro, o prazo de presentación de propostas para participar no concurso fotográfico Calendario Municipal 2021, que servirá para seleccionar as 12 fotografías actuais que forman parte do almanaque que edita cada ano –que se completa con 12 imaxes antigas– e, en caso de así o decidir o xurado, elixir tamén a foto da primeira páxina deste.

O concurso é de participación aberta. As fotografías teñen que se realizar no termo municipal da Coruña e nelas deberase destacar o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da cidade. O xurado terá en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a súa calidade técnica e a orixinalidade.

Así mesmo, as persoas que quixeren participar poderán facelo con até un máximo de tres fotografías en cor, cuxo formato será un arquivo dixital en formato JPG cun mínimo de 3 megapíxeles e sen levar ningunha marca identificativa da súa autoría. Ademais, as fotografías terán que ser horizontais e en cor.

Os traballos deberanse enviar ao enderezo electrónico
concursofotografico@coruna.es, como arquivo adxunto. Se o envío tiver máis dunha fotografía, deberá ser un arquivo Zip –ou remitilo a través da plataforma We Transfer– e indicar no asunto do correo a lenda ‘Concurso calendario municipal 2021’. O prazo de recepción de imaxes estará aberto desde mañá, martes, até o xoves 5 de novembro. O xurado, que estará composto por 7 persoas, entre as que se incluirán integrantes do Colectivo Fotoxornalistas Coruñeses e concelleiras e concelleiros da Corporación municipal, resolverá os premios antes do día 12 de novembro de 2020.

As persoas gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos museos municipais da Coruña para dúas persoas. Serán informadas do veredicto por correo electrónico.